40 anos despois, a mesma ilusión e renovados azos

Emotivo e bonito. Así foi o acto co que celebramos este domingo 25 de setembro o 40 aniversario do BNG. Para min foi un acto moi especial, poise eu estiven alí, naquel setembro de 1982 cando criamos a organización que co paso dos anos virou na principal forza política da historia do nacionalismo no noso país. E aquí continúo, coa mesma ilusión, co mesmo compromiso e con renovados azos, a empurrar un proxecto colectivo que nos ha de levar a termos un país libre, un país próspero. Un país que tamén construímos desde os Concellos e que habemos construír con máis forza a partir das próximas eleccións de maio, na Coruña coa ambición de liderarmos a cidade. A seguir, as palabras que pronunciei neste día que xa está na nosa historia: o Frontón de Riazor nunca nos falla!

Comparte esta entrada

Bo día a todas e todos.

É para min unha honra introducir este acto e ser o candidato á Alcaldía polo BNG, nunha cidade tan vencellada á historia do nacionalismo galego.

De aquí era Manuel Murguía. E coa Coruña tiveron un vencello especial Curros e Rosalía. De Betanzos, na nosa comarca, era Antolín Faraldo.

Aquí naceron as Irmandades da Fala. Aquí foi eleito concelleiro Luis Peña Novo, o primeiro concelleiro nacionalista na historia de Galiza.Aquí resultou elexido alcalde, Domingos Merino, o primeiro alcalde nacionalista dunha cidade galega, tras o remate da ditadura.

E aquí se fundou, hai agora 40 anos, o BNG. E, teño que o dicir, hai 40 anos eu estaba aquí. Daquela non era plenamente consciente de que estaba a participar nun feito histórico.

Histórico, porque somos o proxecto que fai avanzar a historia do noso país. Sen o nacionalismo, o pobo galego sería un pobo sen historia.  Ou, no mellor dos casos, cunha historia negada.

Como diría Celso Emilio, “Un pobo que sofre longo, unha historia contada noutra língua”. Sen o BNG, a política galega sería unha réplica provinciana da política madrileña.

En 1982 o nacionalismo galego atravesaba unha situación difícil. Dela saímos con novos azos. Nestes 40 anos, e para chegarmos aquí, tivemos os nosos momentos bos, máis tamén tivemos que atravesar varios desertos, e de todo aprendemos.

Mais se chegamos até aquí foi grazas as nosas fortalezas:

O compromiso militante. Ese sempre foi o noso maior capital. A unidade na diversidade. O BNG naceu como un proxecto común e unidos sempre fomos máis fortes. O nacionalismo é, por definición, plural e transversal, ao servizo da maioría social do noso país.

A fidelidade a uns principios.

Mais Non somos unha organización petrificada.  A Galiza de hoxe non é a mesma de 1982.

Soubemos dar resposta aos problemas e necesidades da Galiza actual. Pero tendo sempre claro o norte.

Dicía Groucho: “Son un home de principios.  Mais se vostede non gosta deles, non se preocupe: teño outros”.

Nós non mercadeamos cos principios. Sempre tivemos claro o norte. Como Novoneyra, o noso norte e ir un día do Courel a Compostela por terras liberadas

E para iso fan falla organizacións libres e soberanas, sen nengunha outra obediencia que estar ao servizo de Galiza.

E outra fortaleza é que somos unha organización enraizada socialmente e con implantación no territorio. Pensa globalmente e actúa localmente. Galiza tamén se constrúe desde os Concellos.

Sabíao Luis Peña Novo, ao que antes citei, o primeiro concelleiro nacionalista na historia de Galiza.

Por iniciativa súa, o Concello da Coruña foi a primeira institución na que ondeou a bandeira galega e o primeiro concello en chamar a celebrar  o 25 de Xullo como o Día da nosa patria.

E nas eleccións municipais de maio temos unha grande oportunidade para seguir construíndo país.

Para min é un orgullo militar nunha organización que desde hai 40 anos está ao servizo de Galiza.

Unha organización que é historia viva do noso país. Historia viva, porque está máis viva que nunca.

Temos pasado, temos presente, pero sobre todo temos futuro

E por iso ten futuro o noso país.

Moitas grazas.