A Coruña 2041: o futuro comeza hoxe

O pasado xoves 16 de setembro inaugurouse a mostra que conmemora as dúas décadas de vida do xornal “La Opinión A Coruña”. Asistín ao acto, na compaña da nosa portavoz nacional, Ana Pontón. Con ela e coa directora de La Opinión posei na foto que acompaña estas liñas. E para me unir á celebración do aniversario escribín o artigo que vos achego a seguir.

Comparte esta entrada

Pedíronme desde a Redacción de La Opinión, e aproveito estas liñas para parabenizar o xornal polas súas dúas décadas de xornalismo ao servizo da nosa cidade, que faga un exercicio de prospección, viaxe na máquina do tempo e presente neste artigo como poderá chegar a ser A Coruña dentro de vinte anos, en 2041. O primeiro que se me ocorre dicir é que o futuro comeza hoxe. O segundo, que ese futuro témolo que construír entre todas as coruñesas e coruñeses. O terceiro, que a cidade, e tamén a comarca, ten enormes potencialidades por desenvolver e que a clave está precisamente niso, en que entre todos e todas sexamos capaces de criar as condicións que permitan que A Coruña se exprese en plenitude en todos os ámbitos, o social, o económico, o ambiental, o cultural, o lingüístico.

Todas e todos os coruñeses temos un rol que xogar na construción dese futuro. Mais ás persoas que estamos na política municipal cábenos unha especial responsabilidade e, por iso, as forzas con presenza en María Pita temos a obriga de termos un proxecto de cidade. Un proxecto de cidade que, ao noso xuízo, brilla neste momento pola súa ausencia. Non hai un impulso suficientemente transformador ao fronte do Goberno Local nin tampouco a enerxía necesaria para defender a cidade diante do Goberno estatal e a Xunta de Galiza, como se viu durante a tramitación dos orzamentos do Estado e da Comunidade Autónoma ou no debate arredor da condonación da débeda do porto.

A historia até 2041 está aínda por escribir e estou certo de que o impulso transformador que o BNG humildemente representa se acabará abrindo paso

Mais a historia até 2041 está aínda por escribir e estou certo de que o impulso transformador que o BNG humildemente representa se acabará abrindo paso. E farao porque sintoniza co futuro que para A Coruña queren a grande maioría das coruñesas e coruñeses: unha cidade  comprometida co emprego, con vocación de ser a capital económica de Galiza, cun tecido industrial  rexenerado e no que o porto recupere o seu papel  de motor económico; unha cidade na que non teña cabida a exclusión social (actualmente o índice de desigualdade coruñés é o máis elevado da Galiza urbana) e na que o acceso á vivenda sexa un dereito e non un privilexio; unha cidade inserida nunha comarca ben vertebrada, con servizos compartidos a escala metropolitana; unha Coruña reencontrada co mar, que gañe para as súas veciñas e veciños novos espazos públicos e cun medio ambiente sustentábel.  Unha cidade que sexa modelo de calidade urbana, cun espazo público á medida das persoas e con políticas de mobilidade e accesibilidade que a fagan ser realmente democrática, isto é, vivíbel por todas e por todos en igualdade de condicións. Unha cidade capital cultural do país e que tamén se faga respectar tanto polo goberno central como polo da Xunta.

Esa é A Coruña do futuro pola que desde o BNG traballamos no presente.