A sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo que anula o nomeamento de Mónica Martínez como concelleira de Deportes é un novo golpe á credibilidade do actual Goberno municipal.
Ademais, se o fallo xudicial se facer firme, viviríamos un novo capítulo do longo serial de crises protagonizadas polo Goberno de Inés Rey, cando aínda están moi recentes a demisión de Juan Manuel Díaz Villoslada e a substitución do Coordenador Xeral do Concello.
Inés Rey asumiu a Alcaldía facendo bandeira da estabilidade, mais, con esta sentenza e dende o inicio de mandato, levamos xa sete crises que afectan a estrutura do seu Goberno.
O BNG sempre considerou que se unha persoa é electa nunha candidatura, o presentábel, ética e politicamente, é que o abandono desa candidatura conleve a súa demisión.
Alén da discusión xurídica sobre se estamos perante un caso de transfuguismo, o BNG sempre considerou que se unha persoa é electa nunha candidatura, o presentábel, ética e politicamente, é que o abandono desa candidatura conleve a súa demisión.
Que Mónica Martínez deixase o seu grupo para se incorporar a outra disciplina e Inés Rey dese entrada no seu Goberno a unha persoa que acababa de abandonar a forza política pola que se presentou ás eleccións é, a todas luces, un mal exemplo do punto de vista democrático.
Mais aquí hai máis cousas que provocan perplexidade. O recurso contra o nomeamento de Mónica Martínez non o presentou Ciudadanos, o partido co que concorreu ás eleccións, como sería o lóxico, por ser o principal prexudicado. Non, o recurso presentouno Marea Atlántica. Unha formación que, en troca, non tivera ningún problema en se coligar con outras mareas municipalistas que tiñan entre as súas concelleiras e concelleiros persoas que foran electas en candidaturas do BNG.
A Marea Atlántica, coa presentación daquel recurso, estaba a dar “un aviso a navegantes” e a marcar territorio ante as súas posíbeis fugas. En efecto, naquela altura xa se sabía que a persoa que tiña que incorporarse ao Concello para substituír un membro electo nas súas listas recén dimitido tiña tomada a decisión de non se sumar ao Grupo da Marea Atlántica.
Máis o sorprendente é que ao mesmo tempo que a Marea Atlántica e o PSOE dirimen as súas diferenzas nos tribunais, no Concello desenvolven unha política de acordos excluínte, sen contar co resto dos grupos. Tanto é así que o mesmo día que se coñeceu a sentenza, o Concello aprobaba definitivamente os orzamentos pactados entre a Marea e o PSOE.
A política municipal na Coruña non pode consistir en converter o Concello nun escenario de xogo de tronos. A Coruña non merece iso. A Coruña merece políticas serias.