Bon día. Grazas a todas e todos vós pola vosa presenza neste acto de presentación da candidatura do BNG á Alcaldía da Coruña. Están hoxe connosco persoas representativas do rico tecido asociativo que hai na nosa cidade. Grazas por estardes aquí.
E moitas grazas a Ana Pontón por acompañarnos neste momento.
As miñas primeiras palabras, son palabras de agradecemento ás compañeiras e compañeiros do BNG da Coruña pola confianza que depositan en min.
É para min unha honra ser candidato á Alcaldía polo BNG.
Ao longo dos meus anos de militancia política traballei en moitas frontes. Intentei defender con dignidade os intereses de Galiza, e tamén da Coruña, no Parlamento español e no Parlamento galego. Dende hai tres anos teño a oportunidade de traballar en primeira liña pola miña cidade. A cidade na que vivo dende os 9 anos e onde naceron a miña muller e os meus fillos.
E creo que estes tres anos serviron para que estea mellor preparado para asumir un novo reto. Porque o BNG presenta Candidatura á Alcaldía porque non aceptamos o rol de actor secundario que o PP e o PSOE queren asignarnos.
Que perdan toda esperanza:a nosa vocación non é ser concelleiros e concelleiras dun Goberno liderado por outra forza política. A nosa vocación é ser alternativa. Liderar politicamente esta cidade.
Sabemos que é un reto ambicioso. Pero A Coruña necesita impulso e ambición. Hoxe temos con nós Ana Pontón. Asumiu o liderado do BNG nun momento moi difícil. A Ana Pontón, como moito, asignábanlle o papel de outsider. E hoxe moi poucos dubidan que Ana Pontón vai ser a próxima Presidenta da Xunta de Galiza.
O BNG é forza emerxente na Coruña. A forza política con máis expectativas de crecemento. Por iso asumimos este reto, coa convicción de que, co liderado do BNG, A Coruña vai ter o impulso que necesita. Porque na Coruña existe a percepción de queá cidade lle falta impulso. Non existe un proxecto claro que marque un horizonte cara ao que avanzar.
É certo que un proxecto de cidade non se plasma só en tres anos. Pero pouco proxecto de cidade pode haber cando unha cuestión chave para o futuro da cidade, como o cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030, é tramitada polo Goberno municipal de forma improvisada, precipitada e trapalleira, sen o dialogar co resto dos grupos municipais e prescindindo da aprobación polo Pleno do Concello.
E pouco proxecto de cidade pode haber cando non se é capaz de resolver os problemas do día a día. Xa sexa a limpeza, a vivenda, o estado de rúas e beirarrúas ou as melloras nas liñas de buses.
Por iso dicimos Impulsa A Coruña
Convidamos a todas as coruñesas e coruñeses a impulsar A Coruña canda nós
Impulsa A Coruña para construír unha cidade para vivir e traballar. Para que sexa motor económico de Galiza, facendo fronte á perda da nosa industria.
Impulsa A Coruña para que desde o Goberno Municipal exista vocación real de articular a comarca da Coruña como unha realidade metropolitana.
Impulsa A Coruña para construír unha cidade á medida das persoas, seguindo os principios de experiencias exitosas, levadas a cabo por Gobernos municipais do BNG, e que hoxe son, mesmo, un referente mundial
Hoxe comeza a semana da mobilidade
Impulsa A Coruña, tamén, para apostar por outro modelo de mobilidade, primando as persoas e o transporte colectivo na cidade e na comarca.
Impulsa A Coruña, parapoñer aos barrios no centro.
Impulsa A Coruña, para desenvolver o enorme potencial da nosa cidade no eido dacultura.
É preciso que A Coruña recupere a cultura como forza motriz da cidade creativa que é.
Impulsa A Coruña para situar tamén no centro a defensa do medio ambiente, a loita contra as desigualdades e as políticas de vivenda.
Impulsa A Coruña para que nesta cidade as persoas mozas poidan materializar o seu proxecto de vida, sen teren que marchar da cidade polas dificultades de acceder a unha vivenda.
Impulsa A Coruña para termos un Goberno local esixente con outros gobernos. Por exemplo, cando se trate de defender o noso porto ou de reclamar que nos devolvan edificios e terreos que son nosos, en vez de especular ou de facer caixa con eles
Ese é o noso convite. Coa presentación do cabeza de lista comezamos un camiño que continuará coa elaboración da candidatura. Unha candidaturaque, adiántovos, terá un marcado perfil social, aberta a todos os que compartan o noso proxecto para A Coruña.Unha candidatura que será espello do que é esta cidade. Do que é e do que aspira e merece ser.
Un camiño que continuará tamén coa elaboración do noso programa, que faremos en diálogo coa sociedade.
Para asumir o reto de impulsar A Coruña temos dous avais. O primeiro aval é o bon labor dos Gobernos Municipais do BNG. Hoxe para a maioría da sociedade galega os gobernos municipais do BNG son unha marca diferencial. E o segundo aval é o traballo no Concello nestes anos, nos que o BNG achegou PROXECTO, SOLIDEZ, SOLVENCIA E CAPACIDADE DE DIÁLOGO.
Somos unha FORZA POLÍTICA ESTÁBEL E CONFIÁBEL. Non estamos aquí para cubrir o expediente. Estamos aquí para ofrecerlle á Coruña unha alternativa. Un horizonte.
Asumindo o liderado desta cidade.