Un equipo para impulsar A Coruña

1.-Francisco Jorquera Caselas

Ferrol, 1961. Coruñés de adopción, cidade na que botou raíces e sente absolutamente como súa. Licenciado en Historia pola USC. Pai dunha filla e dun fillo.

Voceiro do grupo municipal do BNG e candidato á Alcaldía. Iniciou a súa militancia nacionalista aos 17 anos e pertence ao Bloque desde a súa fundación, precisamente na Coruña, en setembro de 1982. Dirixente de ERGA e os CAF nos anos mozos, desenvolveu distintas responsabilidades organizativas e institucionais, a defender con orgullo e dignidade os intereses da Galiza nas Cortes e no Parlamento galego.

Desde 2017 até 2019 foi presidente da Fundación Galiza Sempre.

2.-Avia Veira González

Nada na Coruña en 1986. Criouse en Labañou e reside actualmente en Monte Alto. Estudou filoloxía galega.

Após traballar en diversos servizos de normalización lingüística, iniciou a súa andaina como membro do grupo municipal do BNG, a fins de 2012.

Responsábel das áreas de Urbanismo, Vivenda, Mobilidade, Cultura e Servizos Sociais. Deportivista. Nai de tres fillos.

3.-Mercedes Queixas Zas

Nada na Coruña en 1968 e veciña do barrio dos Mallos. Licenciada en Filoloxía galega pola UDC, exerce como profesora de lingua e literatura galega desde hai máis de 25 anos. Actualmente o seu destino está no IES da Sardiñeira. Como escritora ten publicado diferentes ensaios, así como obra narrativa e poética.

A súa traxectoria profesional está vinculada, asemade, á sociolingüística, á normalización e á dinamización da lingua galega. É membro do Instituto de Estudos Locais José Cornide, do Consello da Cultura Galega e académica correspondente da RAG. Desde 2020 é deputada pola Coruña no Parlamento galego.

4.-David Soto Díaz

33 anos, naceu en Caracas, criouse en Monforte e, desde hai xa anos, é coruñés de adopción. Mora en Novo Mesoiro. Profesor de Dereito Público da Universidade da Coruña.

Destacado activista na defensa das liberdades cívicas e os dereitos humanos, colabora con Esculca, o observatorio galego de dereitos civís e impulsou nos últimos anos, xunto con outras compañeiras e compañeiros, o Colectivo Pedro Galán de formación nacionalista.

Alén da súa faceta de profesor, na Universidade é, ademais, representante sindical do PDI pola CIG.

5.-Ignacio Siota Mouzo

29 anos. Medrou na Gaiteira e é graduado en Socioloxía e Ciencias Políticas. Desenvolveu a súa actividade profesional como técnico de recursos humanos en distintos sectores.

Actualmente traballa nunha sucursal bancaria. Foi o anterior responsábel Comarcal de Galiza Nova, responsabilidade que el define como “tremendamente gratificante”.

6.- Guadalupe (Lupe) Martínez Junquera

Nada en 1979, Lupe viviu desde moi nova en Eirís, ao cal considera o seu barrio primixenio, aínda que agora vive en Pedralonga.

Cursou estudos de Socioloxía e é funcionaria da administración autonómica. Asemade, fai parte da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña.

Lupe, militante do BNG desde 2019, representa esa fornada de compañeiras e compañeiros que se foron incorporando ao Bloque nestes últimos anos con todo o ánimo e a disposición de participar e asumir responsabilidades.

7.-Jorge Castro Ruso

61 anos. Veciño de Monte Alto, aínda que pasa boa parte do día na Sagrada Familia, de cuxa biblioteca municipal é traballador e grande dinamizador.

Pertence á directiva da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e está tamén vinculado ao mundo do teatro amador e ao das tecnoloxías da información.

8.-María Xesús Seijo García

Nada en 1963, é veciña de Matogrande. Enfermeira con praza no Centro de Saúde dos Mallos e sindicalista da CIG, é presidenta da Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña.

9.-Raimundo (Rai) Martínez Fraga

Nado en 1974. 49 anos. Estudou Dereito. Exerce a dirección comercial e de xestión dunha empresa de artes gráficas no Polígono da Agrela.

Moi activo no campo do asociacionismo cultural e no deportivo (e deportivista).

10.-Carlos Varela Souto

60 anos e foi, durante 40, traballador do sector da hostalaría coruñesa onde destacou, sempre, pola súa militancia sindical.

Veciño do Barrio das Flores desde hai máis de 50 anos, é dicir, pouco máis ou menos os que ten o barrio.

11.-Celia (Xela) Armas García

Xela naceu en 1974 en Compostela, aínda que leva vivindo xa vai para 20 anos nas Roseiras.

Titulada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, é profesora de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario. Secretaria comarcal da CIG Ensino.

Compaxina esta tarefa coa da Secretaría Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística.

12.-Manuel Francisco (Manel) Méndez López

Ten 50 anos, mora entre Novo Mesoiro e Monte Alto. Doutorando en Socioloxía na UdC, traballou como orientador laboral, xestor de formación e técnico administrativo e na actualidade fai parte do cadro de persoal de Nós Diario.

Vinculado tamén desde moi novo ao movemento veciñal, foi secretario da AVV da Agra do Orzán e, en dous períodos diferentes, presidente da AVV de Novo Mesoiro.

13.-Keina Espiñeira González

Nada en Chantada, ten 40 anos. Veciña da Cidade Vella, Keina representa, como Lupe, esa militancia recén incorporada ao BNG disposta a axudar a lle dar á Coruña o impulso que a nosa cidade precisa.

Doutora en Ciencias Políticas e da Administración, traballa como profesora e investigadora no Departamento de Socioloxía e CC da Comunicación da UdC, con liñas de actividade en políticas sociais, migracións e anti-racismo.

14.-Iria Buxán Raposo.

Nada en 1985, é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, especialista en relacións internacionais e cun mestrado en xestión sustentábel da terra e do territorio.

Políglota, ten vivido en multitude de cidades: Braga, Praga, Madrid, Bruxelas, Washington DC…, mais o seu barrio e punto de retorno é, sempre, a Agra do Orzán.

Militante de Galiza Nova desde moi nova e tamén do movemento estudantil nacionalista, Iria traballa nestes últimos anos como consultora para diversos organismos internacionais e é, ademais, muller deportista: entre outras disciplinas no fútbol gaélico, nas filas das Fillas de Breogán.

15.- Fiz Seixo Vázquez

Nacín na Coruña en 1982 e reside na Agra do Orzán, onde colaboro coa asociación de veciñas e veciños. Son arquitecto de profesión e traballador autónomo; desenvolvo a miña actividade nun estudo con outros compañeiros aquí na cidade.

Traballo en proxectos tanto de arquitectura como de urbanismo cunha focaxe participativa e colaboro con diferentes colectivos e asociacións. Son afeccionado ao sendeirismo e outros deportes. Son deportivista de corazón.

16.- Rocío Gómez Lema

Nacín en 1965 en Lima (Perú). O meu compromiso co nacionalismo galego comezou na década de 80 militando de xeito activo no PSG-Esquerda Galega, de cuxa Executiva fixen parte como responsábel de mocidade.

A miña vida na Coruña transcorreu  principalmente no barrio dos Castros,  a través de cuxa Asociación Veciñal, da que fun presidenta, participei na loita contra as descargas de carbón a ceo aberto e contra a degradación da praia de Oza. Nos últimos anos o meu compromiso coa xustiza social levoume a formar parte da plataforma Stop Desafiuzamentos loitando polo acceso a unha vivenda digna e contra a especulación bancaria e inmobiliaria.

Na actualidade son veciña da Cidade Vella e teño estudos de Grao en Educación Social.

17.- Iago Pazos Díaz

Son nado en Laxosa, unha aldea da provincia de Lugo, e veciño da nosa cidade desde moi pequeno. Teño 45 anos, e pasei a maior parte da miña vida residindo no barrio de Monte Alto, aínda que agora mesmo a miña residencia está no barrio de Santa Margarida.

Son traballador da refinaría que Repsol ten na Coruña e fun durante catro anos o Secretario do Comité de Empresa deste centro industrial.

Desde o ano 2018 son Delegado de Persoal da CIG, desenvolvendo un traballo que moitos compañeiros e compañeiras demandan, cunha marcada liña de traballo na defensa dos dereitos dos e das traballadoras que facemos parte do conxunto da clase obreira, tanto no noso centro como naqueles ámbitos ou espazos nos que haxa necesidade de loita e reivindicación.

18.- Belén Gallart Concheiro

Nacín na cidade da Coruña en 1970, no barrio dos Mallos, onde tamén abrín o meu propio negocio de estética como autónoma hai xa case 20 anos.

As miñas afeccións son o ciclismo e bailar swing a través do grupo dos Loopy Hoppers, ao que pertenzo.

19.- Xabier Pérez Couto

Nacín en 1997 e son veciño do Paseo das Pontes. Dedico o meu tempo á divulgación científica, crendo firmemente que esta debe ser popular e inclusiva.

Neste ámbito colaboro na Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, participando en actividades de popularización da astronomía.

20.- Pablo Méndez Carreira

Nacín na Coruña en 1976. Son titulado como profesor de piano polo Conservatorio Superior de Música da Coruña e no Grao de Pedagoxía Musical no mesmo centro, cursos de posgrao en Psicopedagoxía na Universidade da Coruña e Máster de Educación.

Cantei no Coro da Orquestra Sinfónica de Galiza e estudei dirección coral.

Son profesor de Piano e Linguaxe musical e dirixo a Coral Breogán da ONCE, a polifónica Coruñesa Canticorum e agora tamén o proxecto coral de diversidade CORES. Son veciño da Pescaría.

21.- Teresa Ramiro Fernández

Nacín un 27 de maio de 1958 no Río da Cova, en Culleredo, aínda que desde hai máis de trinta anos vivo na Coruña, en Catro Camiños. A miña profesión é a de mariscadora na Ria do Burgo.

 Tamén son poeta. Membro do colectivo lugrisián In Nave Cívitas, que entre outras actividades promove a protección da obra do noso pintor Urbano Lugrís. Tamén son membro fundador da Asociación Xuntas polas Artes, que promove o intercambio cultural entre Galiza e Portugal. Son activista cultural e social, principalmente coas causas vinculadas a persoas ou colectivos vulnerábeis. Como afeccións teño a fotografía, as andainas polas congostras e a cociña. 

Creo que é hora de mudar o rumbo e perseguir a linguaxe das baleas. Por iso, eu tamén BNG!

22.- Manuel Bouzón Vila

Son traballador reformado de EMESA, de oficio “caldeireiro”. Afiliado á CIG.

Entre os anos 1978 e 1982 fixen parte do grupo de música amador Ronsel. Entre 1981 e 1988 estudei formación teatral na Escolar Dramática Galega e participei como actor nos espectáculos Bamboliñas de Xulio González Lourenzo, Historias para seren contadas de Osvaldo Dragún, Mozart e Salieri de Alexander Puschkin, Nosferatu de M. Lourenzo, así como no filme Urxa de Alfredo García Pinal e Carlos A. López Piñeiro, e no capítulo Padín de Carracedo da serie da TVG Os outros feirantes.

Na actualidades resido no barrio de Labañou – San Roque, dedicando o tempo á fotografía creativa.

23.- Nicolás Neira Rivera

Nacín no ano 2001 e teño 21 anos. Vivo en Visma, no Loureiro, e son estudante de Xeografía na USC.

Son afeccionado activo do Deportivo e estou ligado ao movemento estudantil en Erguer. Tamén son militante de Galiza Nova.

24.- Beatriz Gómez Amigo

Nacín en 1960 e levo toda a vida vivindo en Cances, na Silva, un deses núcleos tradicionais que tamén son A Coruña e que, a pesar de tanto abandono, sabemos que poden ser moito máis.

Son licenciada en Historia, especializada en xestión museística. O meu activismo social, ademais do veciñal, céntroo na recuperación da memoria democrática.

Pertenzo á directiva da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH), da cal fun a súa primeira presidenta. Outro dos meus campos de traballo é o apoio ás persoas con diversidade funcional. Son nai de dous fillos e agora, tamén, avoa.  

25.- Jorge González Fernández

Teño 41 anos. Nacín en Caracas, medrei en Ourense e desde hai dez anos vivo nos Mallos.

Licenciado en Xornalismo pola USC, na actualidade traballo como funcionario do Corpo Superior da Administración Xeral na Xunta e fun elixido delegado de persoal pola CIG.

26.- Teresa Castro Ferreiro

Nacín en Vilalba en 1940, aínda que levo xa moitos anos da miña vida vivindo na Praza do Libro. Toda a miña vida tiven que aprender a loitar por unha vida digna, primeiro para min e despois para a miña familia.

E nos meus case 83 anos quero seguir loitando para deixarlle esa vida digna ás xeracións que veñan detrás.

Son unha firme defensora da sanidade pública galega e indígname ver o deterioro á que a están levando os recortes do PP.  

27.- Xosé Luís Armesto Barbeito

Nacín na Coruña en 1948. Residín en Monte Alto e no barrio da Estación, aínda que actualmente o fago en Perillo.

Son Doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrático xubilado de Química Física. Actualmente profesor emérito da Universidade da Coruña.

Nos anos noventa fun o responsábel de universidade da Confederación Intersindical Galega e de 2012 a 2016 Reitor da Universidade da Coruña.

(suplente)

1.- Beatriz Maceda Abeleira

Nacín na Coruña, no barrio de Beiramar, o 19 de decembro de 1963. Agora vivo en fronte do mar de Riazor. Sempre o mar!

Levo vinte e nove anos traballando como docente no ensino. Son mestra de inglés no CEIP Raquel Camacho, no barrio da Agra, todo el unha fermosa mestura de culturas.

Son escritora e lectora, a literatura é unha das miñas paixóns.

Pertenzo ao Consello da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e á plataforma de crítica literaria feminista A Sega.

O meu proxecto na vida, entre outros, é manter viva a Nosa cultura para poder seguir sendo nós mesmas, desde o respecto á diversidade.

(suplente)

2.- Miguel Pernas Corna

De nome artístico Miguel Pernas, nacín na Mariña luguesa, en Viveiro, no ano 1958, a piques de facer 65 anos.

Desde o ano 1972 resido na Coruña, actualmente no Temple-Cambre. Desde o ano 1976 estou ligado á actividade teatral de Galiza, profesionalmente desde o ano 1979. Así mesmo dedicado a toda actividade que ten a ver coa interpretación: dobraxe, radio, audiovisual…

Son membro fundador da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, da que fun presidente algúns anos, e da Academia Galega de Teatro. Enfín, considérome un activista da Lingua e da Cultura desta nosa querida Nación, Galiza.

(suplente)

3.- Andrea Ramos Queixas

Nacín en 1996 no barrio dos Mallos, aínda que agora vivo na Sagrada Familia. Son farmacéutica e levo militando desde hai anos en Galiza Nova, sendo actualmente a súa Responsábel Local.

Ademais, estou vencella desde moi pequena ao mundo do baile e da música tradicional, sendo aínda hoxe en día unha das miñas grandes paixóns.

(suplente)

4.- Xosé María Calatayud Sánchez

Nacín en 1969 e formei unha familia no barrio das Roseiras, con dous adolescentes e cunha compañeira que me soporta desde hai trinta anos. 

Delineante desde o 1992 en distintas empresas e desde 1999 no Concello da Coruña, onde ademais son delegado da CIG desde o ano 2006 e militante no BNG desde o 2007. Catro anos como responsábel nacional da CIG no sector de Local da Administración Publica, actualmente son o secretario da sección sindical da CIG no Concello da Coruña

Participei na AVV Os Rosales nos inicios do meu barrio. Grazas ás influencias desde pequeno na casa son afeccionado ao deporte en xeral e convencido de que é un dos mellores ámbitos de convivencia entre as persoas, con moitos anos de ficha na Federación Galega de Baloncesto. Estou orgulloso de facer parte da pequena historia de cada uns dos equipos nos que participei, sempre acompañado de boa xente. 

Desde hai unha década son aprendiz en artes marciais, disciplinas para seguir aprendendo para sempre. Considero que participar en política non é fácil mais é totalmente necesario. Nese sentido no BNG sempre atopei un espazo onde ser escoitado e puiden trasladar proxectos para mellorar o servizo que un concello como o da Coruña debería dar á súa veciñanza.

(suplente)

5.- Marisol Mirás Mouro

Son filla de emigrantes galegos, nada en Venezuela en 1965. Traballadora administrativa na Universidade da Coruña e unha apaixonada pola natureza. Asociada a entidades que promoven o exercicio e a defensa da liberdade, a soberanía e cultura dos pobos.

Fago parte da xunta directiva da Asociación Veciñal da Agra do Orzán e tamén colaboro con Defensa do Común e coa Marcha Mundial das Mulleres. Sindicalista da CIG, son tamén socia da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ou de Ridimoas, Asociación cultural e ecolóxica para a defensa e estudo dos bosques autóctonos.

Son tamén colaboradora da Fundación Fragas do Mandeo, da Fundación Eira da Xoana, da Fundación Manuel María de Estudos Galegos…e socia da  Mesa pola Normalización Lingüística, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural O Galo, Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal etc.

(suplente)

6.- Eduardo Freire Bargados

Moitas e moitos ben me coñecen por Coné. Levo traballando na Administración autonómica 36 anos e na actividade sindical moito máis.

Fun até hai pouco Secretario Comarcal da CIG Administración e un amplo ronsel de mobilizacións, folgas xerais, paros, conflitos, mais tamén logros na negociación colectiva, que de todo houbo, son o traxe meu de diario. Tamén asiduo do movemento veciñal e comprometido até os calzóns neste, xa que logo formo parte da directiva da AVV Oza Gaiteira Os Castros desde hai moitos anos. Góstame dicir que son habitante do vello Concello de Oza. Un dos puntos do acordo polo que se chegou á fusión dese Concello co veciño da Coruña era que figurasen sempre 2 concelleirxs coma mínimo de Oza no goberno municipal da Coruña e compráceme saber que imos uns cantos e unhas cantas dese vello concello, o primeiro o noso candidato Paco, veciño do corazón de Oza, O Castrillón.

Agardo que ese espírito de Oza reviva en nós recuperar a dignidade dos bairros da cidade para levalos ao seo do debate político municipal para xerar unha cidade de todas e todos.

(suplente)

7.- María Gutiérrez Calvete

Nacín no ano 1961. Vivo no barrio de Santa Margarida, moi perto do da Agra do Orzán, que é onde fago a miña vida. Son bibliotecaria na Universidade da Coruña. 

Colaboro coa Asociación Veciñal da Agra e, puntualmente, con outros colectivos  da cidade, como Defensa do común ou outras asociacións veciñais. Asemade, son socia de varias asociacións e entidades que divulgan a nosa cultura e defenden o noso patrimonio: a Fundación Manuel María, A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Roxín Roxal de Paderne, Petón do Lobo de Cabana de Bergantiños e O Galo de Compostela. 

E teño pendente facerme socia de ADEGA…

(suplente)

8.- Paulo Carballada Rodríguez

Nacín en 1978. Tras pasar por diversos empregos agora son profesor no ensino público.

Vivo e son do Peruleiro, lugar onde medra a miña filla de seis anos. É doado verme xogando con ela nos parques da zona ou na beira do mar cando non escapamos á aldea.

Desexo que medre alegre nun país próspero, socialmente xusto e sen desigualdades. E que poida facelo en galego.