Crieime nos Mallos. E, como calquera veciña ou veciño, non gostaría de saír á rúa co temor a ser atracado. Como tampouco gostaría de que no piso ao carón daquel no que eu moro se traficase con drogas. Por iso é necesario un plan de prevención e persecución da delincuencia.
Hai veciñas e veciños que consideran que se está a crear un estado de alarmismo excesivo, que pode acabar danando a imaxe do barrio. Veciñas e veciños que advirten de que ese estado de alarma pode alimentar o discurso do odio, minando a convivencia. Pero, precisamente para evitalo, hai que actuar de inmediato.
Todos temos dereito á seguridade e, para que non se aproveiten os que gostan de botar gasolina ao lume, o lume hai que apagalo de inmediato.
Pero a inseguridade ten máis caras.
Séntese insegura unha persoa maior, con problemas de mobilidade, que vive confinada no seu piso porque non ten ascensor.
Ou que ve como o edificio no que vive, pagando unha renda antiga, baléirase e degrádase, porque os donos prefiren deixalo esmorecer para forzar a que marche.
Séntense inseguras as persoas en risco de pobreza e de exclusión social.
Séntense inseguras as veciñas e veciños que viven en rúas pantasma e inhóspitas. Rúas sen comercios e con edificios en estado de abandono.
Séntense inseguras as persoas mozas que non poden emanciparse por non poderen pagar unha vivenda, aínda que no seu barrio haxa moitas vivendas baleiras.
Os Mallos, como outros moitos barrios da nosa cidade, sufriu a degradación urbanística dalgunhas zonas e a deterioración e avellentamento do seu parque de vivendas.
É un barrio que padeceu a destrución de boa parte do seu tecido comercial. Un barrio humilde, de clases populares e cunha poboación cada vez máis avellentada. Un barrio cunha crecente desigualdade e colectivos e persoas en situación de vulnerabilidade.
Os problemas dos Mallos son múltiples e complexos, comúns a moitos barrios da nosa cidade.
Os problemas dos Mallos son múltiples e complexos, comúns a moitos barrios da nosa cidade. Se nos limitamos a apagar o lume, pero non atacamos as causas que provocan a proliferación de incendios, no futuro teremos que facer fronte a unha auténtica vaga de lumes. Por iso os problemas dos Mallos só son abordábeis dende unha perspectiva integral, precisamente a que informa a moción que o Pleno do Concello aprobou este xoves. Unha moción conxunta, impulsada polo BNG, e que felizmente foi aprobada por unanimidade. Pensamos que dá resposta ás demandas e inquedanzas da veciñanza e que esta agradece o acordo entre os distintos grupos. Desde logo, nós imos facer todo o que estea nas nosas mans para fiscalizar o cumprimento da parte resolutiva da moción. De feito, na mesma sesión en que foi aprobada, anunciei que o BNG condicionará calquer acordo orzamentario a que os compromisos contidos nesa iniciativa teñan tradución concreta nas contas do Concello para 2021. Os Mallos merecen máis que unha declaración de intencións. Merecen políticas respaldadas con consignacións orzamentarias.