Dous elementos definen o balance de xestión do Goberno Local agora que chegamos ao ecuador do mandato: a falta dun proxecto de cidade claro e a ineficacia na xestión do día a día. Si, somos moi conscientes de que a pandemia nos colocou nunha conxuntura excepcional, mais é en situacións extremas cando os gobernos teñen que dar o mellor de si mesmos.
Que significa non ter un proxecto de cidade claro? Ben, non é o estilo do BNG como forza de oposición construtiva negar calquera logro a este Goberno Local (hai obras na cidade, avánzase nas peonalizacións…), mais paréceme obxectivo que o Executivo coruñés carece dun proxecto definido en áreas sensíbeis da xestión (velaí vemos o perigo que corre Nostián como modelo alternativo a Sogama) e o problema é que cando se é máis explícito, como no urbanismo, o deseño ten todo o aspecto de ser un preocupante retorno ao pasado (eis o pelotazo programado para as Percebeiras ou as vacilacións sobre o futuro de San Diego).
Canto á ineficacia no día a día, abonda referírmonos á lentitude na tramitación do Presco 2021 ou na aprobación de novos convenios, secuela inevitábel dunha decisión errónea, a de prorrogar os orzamentos de 2020.
Falta de proxecto, ineficacia e tamén, terceiro elemento na análise, tendencia á inestabilidade, tal e como se puxo de manifesto no cesamento da concelleira de Emprego ou nas reiteradas mudanzas de responsábeis en Cultura.
Un balance de dous anos, por tanto, que dista de ser satisfactorio. En contraste con el, o BNG traballa acotío no Concello con vocación de ofrecer unha alternativa ilusionante, mais tamén solvente, ás coruñesas e aos coruñeses.