A nova concesión de Nostián parece que quere emular o título da novela de Michael Ende, A historia interminábel. Ou, se buscamos referencias literarias máis perto, “O conto de nunca acabar”,de Ánxel Fole.
O anterior Goberno Municipal anunciara, a fin de mandato, que os pregos estaban practicamente listos para que o novo contrato saíse a concurso. O Goberno de Inés Rey anunciou, a inicios do seu mandato, que estarían ultimados ao remate da concesión da planta, en decembro de 2019. Mais o certo é que se van facer dous anos dende esa data e aínda non sabemos cando se licitará o novo contrato.
Un retraso que non fai senón acentuar os múltiples problemas que afectan Nostián, con graves déficits de mantemento das instalacións. Esta situación motivou que alcaldes do Consorcio das Mariñas instasen o Concello da Coruña a licitar sen máis demora o novo contrato, advertindo da posibilidade de entregar o lixo a SOGAMA se seguía a demora e non se resolvían os problemas da planta.
E agora sabemos, por unha información publicada na Opinión da Coruña, que o propio Goberno de Inés Rey tería mantido varias reunións coa Xunta de Galiza co propósito de entregar os residuos inorgánicos a SOGAMA. En definitiva, renunciaríase á conversión de Nostián nunha verdadeira planta de xestión e tratamento integral do lixo a escala comarcal.
É imprescindíbel que no futuro Nostián sexa unha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe
É imprescindíbel que no futuro Nostián sexa unha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe, asegurando a fabricación dun compost de calidade, a drástica redución da porcentaxe de refugallos (a súa porcentaxe cífrase nun 55%, cando o obxectivo fixado pola Unión Europea é que non excedan do 10% en 2035), e o seu tratamento co menor impacto ambiental.
Esa é a dirección na que hai actuar. De nada vale encherse a boca falando da Axenda 2030 e da loita contra o cambio climático, se se renuncia a un modelo alternativo en favor do modelo SOGAMA.
É dicir, se se renuncia á reciclaxe en favor da incineración.
Francisco Jorquera é portavoz do BNG en María Pita.