Os intereses do BNG son os da cidade

Pois é. Non temos outros. Os nosos intereses son os da cidade. Concebida, claro, como parte dun país e tamén como cabeceira dunha área metropolitana aínda por crear (por certo, onde está o anteproxecto de AM que seica ían presentar en setembro pasado o Goberno Local e a Marea Atlántica?). Sobre cales son os nosos intereses escribín este artigo na Voz que agardo vos preste.

Comparte esta entrada

Nunha recente entrevista neste xornal para avaliar os tres anos de mandato, a alcaldesa Inés Rey, preguntada pola actitude crítica do BNG, contestou textualmente: “Eu antepoño os intereses dos coruñeses e da Coruña, a miña prioridade é a cidade, mais cada un actúa como considera e hai quen aposta polo seu interese”.

Ou sexa, que a alcaldesa considera que ser crítico coa súa xestión é situar o interese particular por riba dos intereses das coruñeses e coruñesas.

Por iso teño que dicirlle a Inés Rey que se confunde se pensa que antepoñer os intereses da Coruña consiste en que lle fagamos a “ola”.  Máxime cando a no seu día candidata do PSOE tivo, en primeira instancia, moito interese en chegar a un acordo de investidura co BNG, para logo incumprilo de xeito flagrante.

Nesa entrevista, Inés Rey tamén afirmaba que optará a revalidar a alcaldía ante unha oposición supostamente sen ideas.

Pois, para non ter ideas, non son poucas as ideas e propostas do BNG asumidas polo Goberno local. Agardo que para non apropiarse delas, aínda que o BNG non é a SGAE e temos por norma non reclamar dereitos de autor.

Creo que ninguén pode discutir que o BNG, ao longo destes tres anos de mandato, exerceu a oposición cunha actitude positiva e propositiva e contribuíu a dar impulso a través das nosas iniciativas a moitas actuacións do Concello.

Ese continuará a ser o noso estilo, pois é consubstancial ao noso xeito de entender a política.

Ante a ausencia dun proxecto claro de cidade por parte do Goberno Local, a nosa vontade tamén é ser a alternativa ao actual estado de cousas

Mais, ante a ausencia dun proxecto claro de cidade por parte do Goberno Local, a nosa vontade tamén é ser a alternativa ao actual estado de cousas para dotar dun impulso verdadeiramente transformador as políticas municipais.

Iso si, poñendo sempre os intereses da Coruña por diante. Mais para situar por diante os intereses das coruñesas e coruñeses non é necesario facerlle a “ola” a ninguén.