Cidade creativa

Programa · A Coruña cidade creativa

A política cultural do BNG para a cidade da Coruña parte do talento creativo existente e da súa capacidade para liderar un proxecto cultural municipal participado e inclusivo que converta a cidade no epicentro cultural da vida da veciñanza. Este plan está artellado desde tres eixos: cultura de proximidade, cultura desestacionalizada e cultura para a transformación, a divulgación e a cohesión social.

O proxecto cultural do BNG para a cidade atenderá á participación equitativa de homes e mulleres creadoras que tome en conta a diversidade cultural desde unha perspectiva integradora, transversal, plural, feminista, galega e universal.

A cultura da cidade como marca propia é a nosa #CidadeCreativa.

  1. Promoción das bibliotecas como espazos de opinión abertos a toda a cidadanía, integradas na tipoloxía específica de cada barrio, e promoción do pensamento crítico e da análise sobre diferentes temas da actualidade.
  2. Aprobación no Pleno do Plan municipal de bibliotecas.
  3. Reforma da biblioteca de Monte Alto, ampliación da biblioteca da Sagrada Familia e creación da biblioteca municipal de Mesoiro.
  4. Constitución dunha Rede única de bibliotecas públicas da cidade.
  5. Estudo e resolución do proceso de remunicipalización das bibliotecas: avaliando as diferentes posibilidades, garantindo os dereitos laborais do persoal de empresa mais tamén do funcionariado.
  6. Creación da Comisión Municipal de Lectura Pública, como un grupo de traballo do Consello Municipal da Cultura, na que participen os diversos axentes vinculados: librarías, autoras, editoriais, escolas, veciñanza e bibliotecas.
  7. Potenciación das programacións dirixidas a valorizar e visualizar os autores e as autoras galegas.
  8. Incremento do investimento para a compra de fondos e para as actividades culturais nas bibliotecas, traballando coa industria cultural da cidade e fomentando unha economía circular baseada na proximidade.
  9. Creación do evento #PrimaveraCultural aproveitando o 17 de marzo (Día do Cómic), o 20 de marzo (Día da Narración Oral), 21 de marzo (Día da Poesía), o 27 de marzo (Día Mundial do Teatro), o 1 de abril (Día das Artes Galegas), o 2 de abril (Día do Libro Infantil e Xuvenil), o 15 de abril (Día Internacional das Artes), o 23 de abril (Día do Libro), o 29 de abril (Día Internacional da Danza), o 17 de maio (Día das Letras Galegas), o 21 de maio (Día da Diversidade Cultural) e o 9 de xuño (Día dos Arquivos) para facer visíbeis as diversas efemérides que se dan nestas datas.
  10. Apoio ao proxecto de candidatura da Coruña como Cidade Literaria diante da UNESCO, promovida pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda.