Cidade para vivir

Programa · A Coruña cidade para vivir

Desenvolvemento dun plan de rexeneración dos barrios co obxecto de humanizar o espazo público, para mellorarmos a calidade e accesibilidade dos espazos urbanos. O plan contemplará un incremento significativo das zonas verdes, corredores peonís, das prazas, parques e xardíns e a creación de corredores verdes.

  1. Modificación do planeamento, entre outros asuntos, no relativo á alta densidade de construción prevista en Durmideiras, estudo da eliminación da edificabilidade nas Percebeiras así como no Parque da Agra, e para executar o acordo coas veciñas e dos veciños de Elviña afectados polo planeamento de Xuxán (Ofimático).
  2. Modificación do PXOM e do PEPRI para regular as vivendas de uso turístico e a súa distribución dentro da cidade. Tramitación, ao mesmo tempo, dunha ordenanza que regule as características das vivendas de uso turístico, réxime de solicitude, autorización e réxime sancionador.
  3. Impulso da aprobación da separata número 2 da Modificación puntual do PXOM para a incorporación de elementos ao catálogo.
  4. Estudo das ordenanzas relativas ao IBI e o ICIO de cara a promover a rehabilitación e o apoio á vivenda cooperativa, a mobilización do chan para pequenas edificacións e empresas mais tamén das vivendas baleiras de particulares.
  5. Transparencia na xestión de licenzas e autorizacións: atención transparente e resolución áxil de dúbidas e solicitudes da poboación e das empresas que se dirixen ao Concello para trámites urbanísticos, mellorando a atención presencial. Fixarase como obxectivo que o tempo medio de xestión de licenzas non supere a barreira dos tres meses. Con tal fin:
  • Impulsarase a Oficina Técnica de Rehabilitación co obxecto, entre outros fins, de axilizar a xestión de licenzas.
  • Arbitraranse fórmulas para que as e os técnicos municipais atendan presencialmente a veciñanza e profesionais que presenten solicitudes, co obxecto de asesoralos, resolver as súas dúbidas e realizar un seguimento da tramitación dos seus expedientes.
  • Farase un seguimento periódico e sistemático das solicitudes tramitadas e pendentes de resolución e dos motivos da non resolución.
  • Publicaranse mensualmente o número de licenzas aprobadas, desagregando as de apertura, obra nova, primeira ocupación e comunicación previa, así como o tempo que se investiu na aprobación de cada unha delas.
  • Implantarase unha plataforma telemática que permita axilizar a solicitude de licenzas e o seguimento, por parte das persoas solicitantes, dos trámites até a súa aprobación.
  1. Elaboración e transparencia do Inventario de Bens Municipais.
  2. Revisión do PEPRI, nomeadamente no que ten a ver coa permisividade da instalación de actividade comercial en alturas.
  3. Aprobación dun verdadeiro Plan de protección da Torre de Hércules e do seu ámbito de influencia.
  4. Inclusión de atribucións a nivel de servizos urbanos e urbanismo nas competencias da Área Metropolitana.
  5. Modificación do PXOM para favorecer a aparición doutros usos na cidade, que poden estar situados en plantas altas, estudiarase especialmente a súa situación en baixos comerciais sen uso. Espazos tanto residenciais como para equipamentos, como poden ser vivendas colectivas ou comunitarias, vivendas asociadas a un espazo de traballo, espazos colectivos para co-crianza e co-coidado, áreas de traballo colectivo, etc.
  6. Estudar as fórmulas de apoio e implicación do concello na creación de comunidades enerxéticas a diferentes escalas, dende a agrupación de consumidores/produtores ata as iniciativas de escala metropolitana. Creación dunha oficina de impulso e formación en colaboración coas iniciativas xa existentes tanto públicas como privadas.