Cidade segura e de convivencia
Programa · A Coruña cidade segura e de convivencia
As políticas de convivencia e seguridade cidadá deben desenvolverse a partir dos valores de respecto, tolerancia, solidariedade, confianza mutua e inclusión. Temos, pois, que atender especificamente os problemas de convivencia nos lugares ou circunstancias de maior conflitividade e contar coa colaboración do tecido asociativo da cidade.
É intención do BNG pularmos para que se estabelezan protocolos de actuación que se encamiñen a garantir o respecto dos dereitos e das liberdades públicas de todas as persoas e erradicar calquera forma de discriminación de minorías étnicas, relixiosas ou de calquera outra índole.
No BNG comprometémonos a garantir a xestión pública da seguridade cidadá e mellorarmos a prevención como forma de gañar eficacia no servizo de protección civil.
- Conformación dunha Xunta Local de Convivencia, na que estean representados a institución municipal, as axencias policiais e o conxunto do tecido asociativo da cidade implicado en cuestións de convivencia.
- Creación dun Servizo de Mediación que sirva para formar en mediación o persoal municipal e o tecido asociativo, mais tamén para promover a solución pacífica dos conflitos e a empatía na cidadanía.
- Elaboración dun plan de acción e contra os delitos e discursos de odio que parta dunha diagnose por barrios e inclúa accións comunitarias (como mediación), educativas (reforzo dos programas de Educa Coruña) e de participación (colaborando co tecido asociativo de cada un dos barrios).
- Creación dun órgano encargado de atender as queixas e recoller as propostas que a cidadanía realice en materia de convivencia. Estabelecer mecanismos de avaliación dos resultados de atención a esas suxestións.
- Derrogación dos aspectos da Ordenanza de limpeza que limitan a liberdade de expresión e criminalizan a pobreza.
- Reforzo dos efectivos da policía local na cidade para garantir que se cumpra a taxa de reposición neste servizo.
- Reforzo dos efectivos da policía local de atención ante a violencia de xénero.
- Impulso dun modelo de policía comunitaria -axentes que traballan adscritos a unha determinada zona- baseado no traballo coa comunidade, rendición periódica de contas e enfocada á resolución de problemas en colaboración cos servizos sociais.
- Mudanza no xeito de patrullar a cidade: impulso á presenza de parellas de policías locais a pé nos barrios, dispoñíbeis e accesíbeis ás persoas que transitan pola rúa, as e aos comerciantes, as hostaleiras e hostaleiros da cidade.
- Recompilación e transparencia nos datos estatísticos sobre as intervencións e as actividades da policía local.
- Garantía na identificación dos axentes de policía local durante o exercicio das súas funcións.
- Elaboración dun plan xeral de seguridade e plans sectoriais. Este plan incluirá a eliminación de materiais antidisturbios na dotación da policía local.
- Estabelecemento de programas de formación continua da policía e dun mecanismo de rendemento de contas periódico por parte dos mandos policiais e do persoal directivo adscrito á área de seguridade cidadá.
- Apoio e potenciación da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
- Redacción e posta en funcionamento un plan de prevención de riscos comúns.
- Definición dun mapa de emerxencias comarcal cara a implantación estratéxica dos recursos humanos e materiais e así reducir os tempos de atención.
- Mellora da coordinación entre os servizos dependentes de distintas administracións: bombeiros, Policía Nacional, Garda Civil e Protección Civil.