Reféns dunha partida de ping pong

É indignante ver como Xunta e Goberno do Estado ollan para outro lado, un a desviar a atención sobre o outro, no canto de asumiren as súas responsabilidades e, por tanto, indemnizar as persoas mariscadoras mentres duraren as obras de dragaxe da Ría do Burgo (que obviamente as obriga a cesaren temporalmente a súa actividade). Dediqueille á cuestión un artigo que viu a luz nas páxinas de El Ideal Gallego.

Comparte esta entrada

En Galiza temos o privilexio de contar con espazos mariños que están entre os de maior valor ambiental,  paisaxístico e de maior riqueza do mundo, pero moitas veces a degradación das nosas rías fai que as súas potencialidades estean estragadas.

Un exemplo témolo fronte a nós: a Ría da Coruña e o seu esteiro, a Ría do Burgo. O marisco producido na ría era garantía de calidade e daba traballo a 2.000 persoas. Hoxe non chegan a 100.

Afortunadamente a rexeneración integral da Ría está perto de ser realidade, grazas á loita das persoas mariscadoras e ao traballo incansábel do BNG no Parlamento europeo, Congreso e noutras  institucións.

Mais fican sen resolver as compensacións ás que teñen dereito as persoas mariscadoras polo cesamento de actividade mentres duren os traballos de rexeneración.

Nunha actuación orzada en máis de 32 millóns de euros, as indemnizacións apenas representan un millón trescentos mil euros anuais.

Nunha actuación orzada en máis de 32 millóns de euros, as indemnizacións apenas representan un millón trescentos mil euros anuais. Mais Xunta e Goberno Central continúan a pasar a pelota, a primeira apelando a que a rexeneración da Ría do Burgo é unha actuación competencia do Estado e este aducindo que a titular das competencias en marisqueo é a Xunta de Galicia.

Unha Xunta que chegou á desvergonza de comprometerse a achegar 100.000 euros se os Concellos ribeiráns (A Coruña, Oleiros, Cambre e Culleredo) achegaban tamén 100.000 euros cada un.

É dicir, pretendía equiparar a achega de Cambre (cun orzamento de dezaoito millóns e medio de euros) coa da propia Xunta (cun orzamento previsto para 2022 de máis de 11.600 millóns).

Pódese discutir se ten que indemnizar a Xunta ou o Goberno Central, mais o que é indiscutíbel é que os Concellos non teñen competencia nin responsabilidade ningunha nesta cuestión.

A rexeneración da ría é unha actuación imprescindíbel non só para recuperar o seu grande potencial produtivo, xerador de emprego e riqueza. A Ría do Burgo pode ser tamén un espazo de lecer de grande valor ambiental, do que gocen os 400.000 habitantes da comarca.

Mais é unha vergoña, despois de todo o que tivemos que loitar para tornar  posíbel a rexeneración dese valiosísimo espazo mariño, que Xunta e Goberno Central  prefiran seguir usando as persoas mariscadoras de reféns na súa interminábel partida de ping-pong.