Sombras chinesas en María Pita

Pois si, algo de teatro, e dunha calidade non moi boa, estamos a vivir, máis ben a sofrer, en María Pita. Diso vai o artigo que veño de publicar nas páxinas de La Voz de Galicia. Con el vos deixo.

Comparte esta entrada

Nos últimos días en María Pita represéntase unha obra de teatro de sombras. Xa saben: o xénero no que unha cousa é a realidade e outra, a imaxe figurada que se proxecta ante os nosos ollos.

O teatro de sombras funciona así: por un lado, vemos todos os grupos a votar máis unha vez, no Pleno do Concello, a favor da condonación da débeda do Porto. Mais, ao mesmo tempo, e para asombro da platea, o Goberno Municipal e a Xunta discuten sobre a cantidade de diñeiro que ten que achegar cada administración para recuperar e urbanizar os terreos portuarios.

Goberno Municipal e Xunta, PSOE e PP, defenden unha cousa e á vez a contraria. Como é posíbel?

En definitiva, Goberno Municipal e Xunta, PSOE e PP, defenden unha cousa e á vez a contraria. Como é posíbel?

Talvez achemos a explicación nestas declaracións do concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada: “Avogamos pola condonación, pero somos conscientes, somos realistas, sabemos que é moi difícil que vaia adiante”.

E é que dificilmente se pode acadar aquilo no que non se cre. A derrota é segura cando das por perdido un partido de antemán.

Por iso cabe preguntarse: se os terreos do porto son terreos de todas e todos, espazo gañado ao mar para o desenvolvemento de actividades portuarias, unha vez liberados desas actividades, por que non poden ser devoltos gratuitamente á cidade?

A este respecto é ben sempre non perdermos de vista que a construción  do Porto Exterior foi unha decisión de Estado, publicitada polo Goberno Aznar como unha compensación a Galiza polo desastre do Prestige:

Daquela xorden, inevitábeis, estas preguntas: por que A Coruña ten que asumir o pago, pola porta de atrás, da débeda xerada pola súa construción?  Por que aquilo que foi posíbel en Valéncia non é realista para A Coruña?

A resposta é sinxela, o Goberno central aceptou condonar a débeda do porto de Valéncia porque a Generalitat valenciana o esixiu para dar o visto bon ao reparto dos obxectivos de déficit entre administracións.

Valéncia, pois, exerceu presión política. A presión política que nunca quixeron exercer nin o Concello da Coruña nin a Xunta de Galiza.

En definitiva, porque non hai vontade política por parte dos gobernos local e galego, en María Pita continúa a proxectarse un espectáculo de sombras chinesas.