Máster en Chauvinismo

Con razón provocou indignación e vergoña allea a entrega do programa televisivo MasterChef realizado na nosa cidade. Non puiden menos que escribir unhas liñas ao respecto que viron a luz nas páxinas de La Opinión. Agardo que vos preste a súa lectura!

Comparte esta entrada

O chauvinismo fundaméntase na crenza irracional da superioridade dunha cultura, idioma ou etnia sobre outras. Un chauvinista é o que di que unha persoa fala un “galego pechado”. Como se fose pechado un idioma polo simple feito de ser distinto do seu.

Alguén, en cambio, ouviu dicir dunha persoa que fala un castelán pechado?

Un chauvinista ridiculiza unha persoa polo seu “acento”, como se el non tivese “acento”. Como se cada persoa non falase coa entoación característica do seu idioma ou da zona na que vive.

Vén esta reflexión por mor do Máster en chauvinismo co que nos obsequiaron as “celebrities” de Masterchef. Por se non fose abondo, desculpáronse dicindo que a súa intención non era “meterse con ningún tipo de dialecto”, negándolle ao galego a  condición de idioma.

Nunha televisión pública, non debería abondar para presentar un programa como Masterchef a presunta condición de expertos en cociña dos seus condutores. O mínimo esixíbel é que coñezan o significado das palabras humildade e respecto e que o seu nivel cultural non sexa de primeiro de primaria.

Por se fose pouco, o espectáculo de vergoña allea completouse con comentarios sobre a presenza de anisakis nunha  peza  de peixe, cando tería abondado con limpalo ben e cociñalo a unha temperatura apropiada, ou coa exhibición de dúas femias de lumbrigante con ovas, cando a súa captura está prohibida en Galiza.

Non é de recibo que unha televisión pública, financiada por todos, pague cantidades millonarias a unha produtora para que faga progamas con tal falta de rigor e na que se nos falta ao respecto.

É insultante que se nos falte o respecto e que se faga ademais após recibir 50 mil euros do Consorcio de Turismo da Coruña.

E é insultante que, ademáis, o faga despois de recibir case 50.000 euros do Consorcio de Turismo da Coruña en concepto de promoción da cidade.

Facía falta esta promoción?

A cualidade dos nosos produtos ten recoñecimento internacional. Cociñeiros e restauradores de prestixio mundial como Jamie Oliver e Rick Stein teñen destacado que A Coruña ten un dos mellores mercados de peixe do mundo. Non necesitamos pagar a uns ignorantes para que nos veñan dar un Máster en Chauvinismo.