Cidade educadora

Programa · A Coruña cidade educadora

  1. Como principio xeral, defensa a ultranza da educación pública e exixencia do Concello da Coruña diante das administracións competentes de recursos suficientes para garantir á cidadanía unha educación de calidade, insistindo en aspectos como a rebaixa das ratios de alumnado na educación non universitaria, a dotación de persoal para á atención á diversidade ou a renovación das infraestruturas dos centros educativos que non sexan de titularidade municipal.
  2. Avaliar das necesidades dos centros educativos en equipamento, atención á diversidade, éxito escolar, ratios de alumnado, etc, así como da situación socioeconómica das súas familias.
  3. Realizar, partindo desta avaliación, Plan de Mellora da rede educativa do Concello da Coruña, dialogado con todas as partes integrantes da comunidade educativa: sindicatos de estudantes e profesorado, ANPAs, direccións dos centros públicos, traballadoras/es dos Servizos Sociais, etc.
  4. Realización de investimentos para os centros de infantil e primaria, nomeadamente no que ten a ver coa accesibilidade, coa cobertura de patios, coa eficiencia enerxética e coa ampliación dos comedores escolares, xa que se está dando o paradoxo de que cada vez hai máis nenas e nenos con bolsa comedor sen que a capacidade dos comedores sexa suficiente.
  5. Aumentar o número de reunións anuais do Consello Escolar Municipal e fomentar, dentro del, a participación do alumnado, de forma que se converta nun vehículo efectivo de análise das necesidades da comunidade educativa.
  6. Potenciar os servizos educativos dos centros cívicos para a súa conversión nunha auténtica rede de profesionais que axude aos centros públicos á xestión do alumnado con necesidades específicas de atención educativa e proporcione asesoramento ás familias: programas de traballo con alumnado de altas capacidades, dificultades de aprendizaxe, incorporación tardía, problemas de conduta e de saúde mental, risco de abandono escolar, etc.
  7. Ampliación da oferta educativa de escolas infantís públicas de 0-3 anos e negociación coa Xunta de Galiza para deseñar unha rede única de carácter público, co obxectivo de equiparar a oferta educativa e atender a forte demanda neste tramo educativo.
  8. Asegurar a coordinación e a continuidade dentro da etapa de 0-6 anos, de maneira que se axilice a detección de necesidades de atención educativa.
  9. Garantir, cando menos, o 50% da presenza do galego en toda a actividade das escolas infantís municipais e procurar a fórmula para garantir unha oferta mínima dunha liña íntegra na nosa lingua.
  10. Promover a presenza cotiá do galego nos servizos de madrugadores, comedor e actividades de tarde.
  11. Reforzar e ampliar os horarios dos servizos de madrugadores, comedor e actividades de tarde nos centros educativos, garantindo, a cobertura dos centros de infantil e primaria e incorporando gradualmente os centros de secundaria na medida das súas necesidades, e deseñando as súas actividades baixo principios como a igualdade de xénero, os hábitos saudábeis, a conciliación da vida familiar e laboral e a igualdade de oportunidades para as familias desfavorecidas.
  12. Garantía da dotación informática e a conectividade de todos os centros de educación non universitaria, xa sexa instando ás administracións competentes a facelo ou asumíndoo como obriga do Concello.
  13. Promoción de espazos e experiencias compartidas entre os centros educativos de diferentes etapas e institucións e asociacións da contorna, impulsando proxectos educativos comunitarios.
  14. Fomento dos proxectos de innovación pedagóxica mediante convocatorias de premios e axudas.
  15. Na planificación e nas intervencións urbanísticas e de mobilidade urbana do Concello terase en conta o deseño de rutas escolares seguras e sostibles. Así mesmo, promoveranse actuacións do mesmo cariz nas áreas xa urbanizadas.
  16. Aumentar a dotación de bolsas para material didáctico no ensino obrigatorio e crear outras para todos os niveis do ensino non obrigatorio.
  17. Impulso da diversificación educativa da Escola Municipal de Música, ampliación da súa visibilidade social coa programación de concursos, certames e mostras.
  18. Reformulación do Programa Coruña de Aventura: creación de novas actividades, deseño e publicación de unidades didácticas en formato dixital para todas as actividades, desenvolvemento de todas elas a cargo de persoal especializado e oferta destas a centros de fóra do Concello.
  19. Ampliación dos intercambios do Eixo Atlántico dentro do Programa A Coruña de Aventura aos cursos da ESO e bacharelato.
  20. Creación dun Observatorio da Igualdade escolar, que realice un diagnóstico da situación da igualdade entre a poboación en idade escolar e impulse accións específicas para o fomento da igualdade na poboación en idade escolar.
  21. Fomento da perspectiva de xénero nos centros escolares, con actividades dirixidas especificamente a ANPAs, alumnado e profesorado.
  22. Implantación do patio coeducativo, para a implicación dos pais na crianza.
  23. Ampliación das bolsas Junior Year a estados lusófonos.
  24. Creación dunha Rede E-Twinning entre os centros de ensino da cidade para promover e facilitar a xestión dos intercambios con outros centros de ensino da Unión Europea.
  25. Apertura dos centros fóra do horario escolar, de maneira que as veciñas e os veciños, as asociacións ou clubs deportivos poidan desfrutar as instalacións dos colexios públicos.
  26. Negociación do aumento da oferta educativa e asistencial para persoas con diversidade funcional, así como promoción da formación de adultos, do retorno ao sistema educativo de adultos que abandonaron tempranamente ou de xente moza sen titulación, con especial atención ás nais e pais ou as persoas en idade de selo, por canto a mellora na formación das persoas responsables do alumnado repercute positivamente no desenvolvemento xeral das/dos menores en idade escolar.